Actualidade

Novas destacadas

Culturgal, Feira das Industrias Culturais de Galicia 2018

Culturgal vén de pechar as portas da súa undécima edición en Pontevedra. A Feira das Industrias Culturais de Galicia reuniu empresas do sector do libro, da creación e da produción escénica e musical, da artesanía e das artes plásticas, presentando ante o público o máis recente da súa produción.

O stand de Kalandraka en Culturgal ambientouse coas ilustración do Premio Compostela “Cándido e os demáis”, de Fran Pintadera e Christian Inaraja. Entre as novidades destacou “Man de Camelle”, da pintora Carmen Hermo. que presentou o seu libro na compaña do crítico de arte e autor do limiar da obra, Antón Castro.

Outras presentacións foron as das coleccións Narrativa K e Vitamina N, esta última co seu coordinador e autor de “A Torre”, Antonio Sandoval, entrevistado polo crítico literario Ramón Rozas.

Polo stand de Kalandraka tamén pasaron escritores como Francisco Fernández Naval, autor de “Os contos da Avoa Pepa” e o grupo Migallas Teatro, que asinou exemplares dos libro-discos “Canta connosco” e “Pan de millo”.

A axenda de actividade de Kalandraka en Culturgal completouse cun obradoiro de creación audiovisual no que nenas e nenos convertéronse en técnicos e reporteiros de Kalandraka Televisión manexando a cámara e recomendando os seus libros preferidos. Os adultos tiveron tamén o seu propio achegamento a esta nova canle de televisión dixital sobre literatura infantil e xuvenil, percorrendo as distintas seccións da web.

Entrega do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

Os autores de “Cándido e os demais”, Fran Pintadera e Christian Inaraja, veñen de recibir o XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado nun acto institucional presidido polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega. O Departamento de Educación e Cidadanía e mais Kalandraka organizan este certame no marco da Campaña Municipal de Animación á Lectura, cuxa próxima edición contará con “Cándido e os demais” como eixe central das actividades.
Docentes e alumnado do CIFP Compostela e do IES do Sar, cos que Fran Pintadera e Christian Inaraja compartiran previamente as claves do seu libro, xunto con representantes da Corporación Municipal, membros do xurado do certame e especialistas en literatura infantil e xuvenil, acompañaron os artífices desta historia sobre a diversidade e a diferenza. O quinteto de saxos da Escola Municipal de Música de Santiago amenizou a cerimonia.
Publicado en sete linguas -as cinco peninsulares, inglés e italiano-, “Cándido e os demais” ofrece niveis de lectura distintos, propiciando a reflexión nos maiores. A obra galardoado co Premio Compostela xa viaxa co catálogo dos Libros para Soñar polas principais feiras internacionais do libro.